Primeiras probas do almorzo con copos de castaña

Como ben seguro vos lembraredes, estamos colaborando co Centro Tecnolóxico da Carne(CETECA) e a Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela nun proxecto de investigación para desenvolver produtos derivados da castaña, máis concretamente bebida vexetal, un almorzo e un petisco. Trátase dun proxecto pioneiro que buscar revalorizar a castaña a través de novos productos.

Amarelante coordina o proxecto, ademais de encargarnos de proporcionar a materia prima. 

Hai uns días tivemos xa unha “cata” das primeiras propostas recibidas, neste caso no referente aos copos de castaña para o almorzo. Así, as compañeiras e compañeiros do CETECA enviáronnos dúas variantes do produto elaborado para o almorzo. Unha delas, ademais, vegana.

O resultado encantounos (podedes velo nas imaxes). Probamos as dúas variantes de copos, intercambiamos opinións, ocorríronsenos novas ideas partindo do produto que xa tiñamos. Despois, todas esas impresións transmitímosllelas aos compañeiros e compañeiras do CETECA, que seguen mellorando o produto xa presentado.

Estamos desexando ver (e probar!) o resultado final e presentárvolo. Estamos seguras de que vos vai gustar tanto como a nós.

O proxecto, cuxo nome completo é “Desenvolvemento de novos produtos da dieta atlántica derivados da castaña”, conta cun orzamento de 89.000,00 euros, subvencionado ao 80% e financiado un 75% con fondos FEADER da Unión Europea, 22,5 % fondos propios da Xunta de Galicia e 2,5 % de fondos do MAPA. O período de execución prolongarase ata xuño de 2022.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *