O proxecto Amarelante
A nosa historia
Amarelante Sociedade Cooperativa Galega xorde no 2013 cun obxectivo claro: a recuperación de soutos abandonados para a produción de castaña, apostando por darlle un valor engadido a través de produtos elaborados. Detrás desta gran declaración de intencións estamos Sonia, Óscar, Marcos, Natalia, Félix, Davide, Iria, Lito e Luz, os nove socios e socias aos que nos chamaron “tolos”, “idealistas” ou “utópicos” cando iniciamos a nosa particular aventura entre castiñeiros.
A nosa base de operacións é Manzaneda, un concello que cumpría con todos os nosos requisitos: centos de castiñeiros “a monte”, unha poboación envellecida que non pode atendelos e a necesidade urxente de ofrecer alternativas reais das que vivir (non sobrevivir) no rural. Porque quizás si somos un pouco idealistas pero estamos convencidos de todo o seu potencial e de que o noso proxecto pode ser unha ferramenta de transformación social que vai moito máis aló de recoller castañas.
E aí seguimos… soñando nos soutos (pese a burocracia, o chancro dos castiñeiros ou a avespiña)!!! Apostamos por produtos de calidade e naturais.
Un obxectivo claro: recuperar os soutos abandonados para a produción e venda de castañas
Os nosos principios
Amarelante Sociedade Cooperativa móvese baixo os principios de sostibilidade ecolóxica e xustiza social, e ámbolos dous están representados nas accións e decisións da cooperativa realizadas ao longo do tempo. O feito de recuperar os soutos abandonados é un exemplo de sostibilidade ecolóxica, xa que non só se reactivou a produción de castañas, senón que tamén se reduciu o risco de incendios forestais.
Esa sostibilidade súmase á xustiza social na loita por revitalizar o medio rural e facer da recollida e produción de castañas unha actividade de presente e de futuro. Todo iso nun concello como Manzaneda onde urxen iniciativas que ofrezan opcións reais para asentar poboación.
Estes valores sociais, ambientais e culturais trasládanse á clientela nos produtos finais de Amarelante. Cada castaña, fariña ou bica é o resultado da unión destes principios durante os seus respectivos procesos de elaboración.
O paso a paso do proxecto
Dende Amarelante decantámonos polo aluguer ou cesión de soutos para a posta en marcha da nosa cooperativa. Con isto conseguimos pór en produción castiñeiros que levaban anos abandonados e, paralelamente, unha acción real e eficaz contra os incendios forestais.
O Souto do Rei, Trabazos, As Regadas… son algúns dos “nosos” soutos. Conservamos os seus nomes porque para nós cada un deses castiñeiros é moito máis que un número. Son un auténtico patrimonio natural do que nos responsabilizamos neste momento para que poidan chegar ata futuras xeracións.
Ata o 2015, Amarelente foi productora e comercializadora de castaña fresca. A partir dese ano, avanzamos un paso máis e fixemos un esforzo de inversión para comezar o proceso de transformación. Adquirimos a nave e a maquinaria necesaria para poñer novos produtos no mercado.
O esforzo e traballo de Amarelante recibiu no 2015 o Premio á Cooperación outorgado pola Consellería de Traballo e Benestar, na categoría de “Promoción do Cooperativismo”, e o Premio Agader 2019 ás Iniciativas de Desenvolvemento Rural, na categoría “Premio á loita contra o abandono e a prol da mobilidade de terras”.
Os nosos produtos de castaña amarelante
Actualmente Amarelante ten no mercado tres produtos de máxima calidade. En primeiro lugar, castañas secas (coñecidas tamén como pilongas ou crocas) obtidas nun rigoroso proceso no que se invisten máis de 200 horas.
En segundo, fariña de castaña, perfecta tanto para pratos doces como salgados. Elabórase sen aditivos nin conservantes e non contén glute.
En terceiro lugar, un doce para os amantes das castañas. Falamos da bica de castaña, elaborada con fariña de castaña e que ten un sabor moi característico.
Coidando o noso patrimonio cultural
O compromiso de Amarelante co rural vai máis aló dunha cuestión económica. A parte social e cultural é clave na cooperativa, organizando de forma recurrente actividades como a visita do Pandigueiro (figura tradicional do Nadal no Macizo Central), o Samaín ou o Entroido.
Así mesmo, a divulgación é fundamental, polo que a colaboración con outras entidades da zona como a Universidade, IXP Castaña de Galicia ou AGACA, é prioritaria. Neste sentido, Amarelante xa organizou un campo de traballo medioambiental no que universitarios coñeceron os soutos e o seu valor cultural, social, ambiental e económico, e colaboramos no proxecto “Entre Senlleiras” do CIFP Portovello de Ourense.