Pan de castañas

Hoxe traemos por aquí unha receita perfecta para esta época: pan de castañas. Agora que estamos no outono e os días se acurtan, un plan de cociña en familia é perfecto para encarar as tardes con menos luz e máis frío.

É unha receita calmada, para facer sen présas, respectando os tempos. Imos aló!

 

Nós empregamos fariña de castaña Amarelante e de trigo.

Ingredientes:

  • 500 g de auga
  • 20 g de lévedo prensado fresco
  • Unha cullerada de azucre
  • 150 g de fariña de castaña Amarelante
  • 350 g de fariña de trigo e algo máis para enfariñar. Nós empregamos a de Trigo y Limpio
  • Unha culleradiña de sal
  • 150 g de castañas Amarelante cocidas e peladas.

Preparación

Para comezar, cocemos as castañas durante aproximadamente 25 minutos (ata que vexamos que están brandas). Podemos empregar castaña seca Amarelante, pero tamén –aproveitando que estamos na época de recollida– castañas frescas. O proceso será máis longo porque teremos que pelar as castañas, iso si.

Mentres cocen as castañas podemos facer o seguinte paso: mesturar nun cunco 300 gramos de auga, o lévedo, o azucre, a fariña de castaña e de trigo e o sal e amasar.

 

Pan elaborado con castañas secas e fariña de castaña. Si, está boísimo e consérvase varios días.

Unha vez que teñamos as castañas cocidas, engadímolas peladas e troceadas á mestura anterior e volvemos amasar.

Cando teñamos todo ben amasado, retiramos a masa do cunco e colocámola sobre unha superficie de traballo enfariñada. Formamos unha bóla e tapámola cun pano. Deixámola repousar unhas dúas horas.

Pasado este tempo, poñemos a masa de novo sobre a superficie de traballo enfariñada e volvemos amasar formando unha bóla. Cubrimos unha bandexa con papel de enfornar e colocamos a bóla encima tapada cun pano. Deixamos repousar de novo durante unha hora.

Quentamos o forno a 210⁰. Na parte inferior, colocamos un recipiente refractario con aproximadamente 200 gramos de auga e introducimos a bandexa co pan.

Deixamos cocer durante uns 25 – 30 minutos ata que o pan estea ben dourado. Deixamos arrefriar antes de comelo. A desfrutar!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *