Hoxe imos preparar unha receita moi versátil, que nos pode servir como aperitivo pero tamén de almorzo, merenda ou incluso de acompañamento: paté de castañas e shiitake.
Ides ver que necesitamos poucos ingredientes pero, iso si, de calidade. Non é a primeira vez que empregamos Shiitake Trives combinados coas nosas castañas e non será a última, porque a verdade é que son un produto moi bo e, ademais, cultivados aquí ao noso ladiño. Que máis podemos pedir?
Imos aló!
Ingredientes de castañas e shiitake:
- 200gr de castañas secas Amarelante.
- 250gr de shiitake Trives.
- Media cebola pequena.
- 1 cullerada grande de tahini.
- Un trozo de xenxibre.
- Sementes de mostaza e coandro.
- Pementón doce.
- Aceite de oliva e sal.
Preparación:
Por un lado, cocemos as castañas ata que estean ben brandiñas.
Por outro lado, picamos a cebola, o shiitake e e xenxibre e salteámolos con sal e aceite. Non fai falla que os cortedes moi pequenos, xa que despois imos trituralos. Se non queredes empregar tanto aceite, outra opción é saltear primeiro a cebola no aceite e despois engadir o shiitake e un pouquiño de auga. Se facemos así, gardamos a auga que quede despois de cociñalos.
Se non vos gusta o picante, non engadades o xenxibre. A cantidade que botedes dependerá de canto queirades notalo.
Unha vez que teñamos estes elementos cociñados, deixámolos arrefriar, poñémolos nun procesador de alimentos e engadimos o tahini e as sementes e trituramos ata conseguir unha pasta uniforme. Se nos queda demasiado compacta, podemos engadir a auga sobrante da cocción do shiitake. De todas formas, como vai ser para untar, non nos convén tampouco que quede moi líquido.
E xa o temos listo! Non queda máis que untalo nunha boa tosta de pan con pementón doce e aceite de oliva por riba e a gozar!
Podedes conservalo nun recipiente hermético varios días no frigorífico.