Receita de ñoquis de castaña

Atentos, porque esta receita é apta para vexetarianos e libre de glute. Aínda así, non lle falta un ápice de sabor e vaivos encantar a todos. Prepara uns ñoquis de castaña con Amarelante!

Hoxe traémosvos unha receita dun prato italiano, quizais non tan coñecido como os espaguetes, os macarróns ou a lasaña, pero igualmente saboroso e versátil: os ñoquis.

Tradicionalmente, os ñoquis “básicos” fanse a base de pataca e con fariña de trigo, pero admiten unha infinidade de variacións: con cabaza, con espinacas, con queixo… Nós, por suposto, imos preparalos con castañas.

Non é unha receita difícil, pero si que require de tempo e de enzoufar as mans.

Ingredentes para facer uns ñoquis de castañas.

Ingredentes de ñoquis de castañas:

700 g de patacas da leira

200 g de castañas secas Amarelante

1 ovo de pitas libres e felices

130 g de fariña de castaña Amarelante

50 g de fariña de trigo

Sal

Pementa 

Aceite de oliva

Preparación:

Nunha ola poñemos as patacas enteiras e sen pelar. Tapámolas con auga, engadimos sal e deixamos ferver ata que estean ben brandiñas e fáciles de esmagar.

Por outra banda, poñemos a cocer as castañas cun pouco de sal tamén ata que estean moi brandas.

Cando as patacas están listas, pelámolas e esmagámolas. Tamén esmagaremos as castañas cando estean ben cocidas. 

Nunha cunca, mesturamos ben as patacas e as castañas esmagadas, engadindo algo máis de sal (se o consideramos necesario) e pementa ao gusto. Engadimos o ovo e mesturamos moi ben e rapidamente, para evitar que a temperatura da masa o coza.

Preparación dos ñoquis de castaña. Estes tamén levan fariña de trigo.

Imos engadindo a fariña e amasando ata que teña unha certa consistencia. Neste punto, podemos detectar que algúns trozos non quedaron ben desfeitos e aproveitamos para esmagalos ben coas mans. 

A continuación, cortamos pedazos desta masa e amasámola formando cilindros de arredor de 3cm de diámetro. Cortamos cada un destes cilindros en anacos de 2-3cm. 

Botámolos en auga fervendo, engadimos un chorro de aceite de oliva e sacámolos en canto floten. É importante estar atentos a isto último porque se os deixamos cocer de máis, desfaranse. Sacámolos cunha espumadeira e deixámolos un anaco nun coador para que escoen ben. 

Receita de ñoquis de castañas.
Para non tapar o sabor da castaña recomendámovos unha salsa sinxela de verduras como acompañante.

Engadimos a nosa salsa favorita. Igual que coa pasta, os ñoquis admiten unha grande variedade de salsas. Neste caso, para non enmascarar o sabor da castaña, limitámonos a botarlles unha sinxela salsa de verduras.

A desfrutar!

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *