Cabaciñas recheas de verduras e castañas

Propoñémosvos unha receita para aproveitar todas as cousas ricas que teñades pola horta ou polo frigorífico. É moi versátil e podedes engadir as verduras que queirades. Tamén é posible darlles un toque con panceta, salmón, atún, carne, polo… Viva a imaxinación! Imos cunhas cabaciñas recheas de verduras e castañas.

Dependendo do que lles botedes podedes poñelas como entrantes, acompañamento ou incluso prato único. 

Nós explicámosvos que lles puxemos hoxe e, se queredes ver o proceso, pasade polo noso Instagram. 

Ingredientes para cabaciñas recheas. Podes engadir máis verduras.

Ingredientes de cabaciñas recheas de verduras e castañas:

  • Unha cabaciña grande e outra máis pequena.
  • 3-4 dentes de allo.
  • 1 cebola pequena.
  • Medio pemento verde.
  • Un tomate pequeno.
  • 100 g de castañas secas Amarelante.
  • 200 g de bacon.
  • Aceite de oliva e sal.
  • Queixo relado.

Preparación:

Antes de nada, cortamos as cabaciñas sen pelar en trozos de entre 10-15 centímetros e despois cada trozo partímolo transversalmente. Poñémolos nunha pota con auga e sal e cocémolos ata que estean brandos. Escorregamos a auga e deixamos arrefriar. Cando estean fríos, baleiramos a pel cunha culler tendo coidado de non rompela e poñémola nunha bandexa para forno. Reservamos. A polpa da cabaciña poñémola nun escorredor e reservámola tamén. Se os trozos son moi grandes, podemos cortalos en anacos máis pequenos. Se empregamos cabaciñas grandes que teñan sementes, quitamos as sementes. 

Cocemos as castañas (uns 20-30 minutos). Tamén podedes aproveitar castañas que teñades cocidas doutro día como acompañamento doutro prato, como fixemos nós. Unha vez cocidas, reservámolas.

Mentres cocemos as cabaciñas e as castañas podemos ir preparando o recheo

Picamos todas as verduras en tacos pequenos. Botamos aceite de oliva nunha pota e doramos o bacon. Retirámolo da pota e reservamos. Na mesma pota e, aproveitando o aceite, botamos o allo. Sen deixar que se queime, engadimos a cebola e o pemento. Fritimos a lume baixo. Cando estean case feitos, botamos o tomate. Remexemos ben e deixamos outros cinco minutos. Despois incorporamos o bacon e a polpa da cabaciña e remexemos ben. Botamos as castañas e remexemos de novo. Dado que estes tres últimos ingredientes xa están cociñados, non cómpre deixalos moito tempo no lume, simplemente o necesario para mesturalos ben co resto de elementos e, se estiveran fríos, para que quezan un chisco. 

A continuación, botamos a mestura na pel das cabaciñas que tiñamos previamente colocadas nunha bandexa de forno. Botámoslle queixo relado ao gusto, un chorriño de aceite de oliva e metémolo no forno na función de gratinar a temperatura máxima. Cando vexamos que está doradiño sacámolo. A desfrutar!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *