O Pandigueiro: a figura de Nadal do Macizo Central

Nin Apalpador nin Papá Noel. No Macizo Central temos a nosa propia figura de Nadal: o Pandigueiro. No noso blogue contámosche a súa historia.

Nestes días na cooperativa andamos a cen porque é o momento do ano no que San Mamede aproveita para saír da súa cova, na que vive cun corzo (que o axuda nas tarefas do campo), e unha loba, que o defende de posíbeis perigos. Nela pasa todo o ano facendo chocolate, secando castañas e fabricando pequenos trebellos de madeira.

En Manzaneda, e en todo o Macizo Central, chamámoslle neste tempo Pandigueiro, xa que é o santo pándigo, o que é inocente, soñador, divertido, esperto e intelixente coma as nenas e os nenos. Xusto ó nacer, matáronlle ó seu pai e á súa nai, quedando orfo e converténdose no valedor das e dos lactantes e, por extensión, de todos os nenos e nenas. Por iso, non é de estrañar que xusto nestas datas, nas que moita xente celebra o nacemento de Xesús, saia a velar tanto por el coma por toda a cativada do Macizo.

O santo comeza a baixar ás aldeas uns días antes do 24 de decembro, transformándose no Pandigueiro,  para voltar a súa cova na Cabeza Grande no último día do ano, convertido outra vez en San Mamede,  “santo o pai, santa a nai e santo el” (retrouso que se contesta cando alguén fala deste santo).

O Pandigueiro non quere saber se os nenos e as nenas se portaron ben ou mal, se foron obedientes ou se aprobaron todo, a el o que lle interesa saber é como pasaron o ano, como os e as trataron, se lles rifaron sen razón, se non lles fixeron caso… e mirando para os pais e as nais avísalles de que se porten ben cos seus e as súas fillas e tenta que aprendan que o mellor agasallo para súa descendencia é o tempo que poidan pasar xuntos, xogando e desfrutando da vida, o agarimo que lles dean e as aprendizaxes que lles trasladan.

O Pandigueiro non quere saber se @s nen@s se portaron ben ou mal, se foron obedientes ou se aprobaron todo. A el o que lle interesa é como pasaron o ano, como os e as trataron, se lles rifaron sen razón, se non lles fixeron caso..

Na súa man esquerda, que é o corzo, leva un saco de esparto, do que saca castañas secas para darlle os pais e as nais que coidaron ben dos e das nenas, para que fagan á maña seguinte castañas con leite. Na súa man dereita, que é a loba, leva unha moca tan grande coma el para avisar ós que non fixeron ben o seu traballo de pai ou nai. Mais como é moi bo, sempre lles dá unha oportunidade e tamén lles deixa castañas secas.

 

O Pandigueiro, nun souto de Manzaneda.

O Pandigueiro é alto e forte, rosetóns nas meixelas, unhas barbas mestas e rubias e uns ollos escuros de mirada profunda. Vai vestido con camisa de faena de liño, pantalón e colete de pana marrón, un gran chapeu negro, cinto de coiro negro e galochas de coiro marrón. Na man do corzo leva un saco de esparto, que lle serve para gardar onzas de chocolate, castañas secas e pequenos trebellos de madeira, e na man da loba porta unha moca que lle saca un palmo. Goza aprendéndolle á cativada cancións, adiviñas, trabalinguas ou a facer algún enredo, e cando marcha de xunto deles e delas, déixalles unha onza de chocolate negro e un pequeno enredo para xogar cos pais e as nais, ou que sexan quen teñan que explicar como se xoga; o Pandigueiro coñece o gran segredo: todo pai foi neno e toda nai foi nena.

Un gran amigo dos amarelantes, Cé o home orquestra, coma gran coñecedor de música e instrumentos da nosa terra, aprendeunos a canción para chamar ó Pandigueiro. Este sería o antecanto:

Pandigueiro, á noitiña.

Pandigueiro ven axiña.

Cómpren ben quentiños,

os bullotes no leitiño.

E ano tras ano, dende que o mundo é mundo, e así seguirá ate que deixe de selo, uns días antes de nadal baixará o Pandigueiro da Cabeza Grande a velar por todos e todas as nenas, e subirá de volta San Mamede, antes de fin de ano, a descansar para o ano seguinte.

Boas Festas!!!!

Para saber máis do Pandigueiro: https://sociedadeantropoloxicagalega.files.wordpress.com/2012/01/boletin-caderno-de-campo-nc2ba1-dec-2011.pdf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *