Biscoito de plátano con fariña de castaña

Ti tampouco sabes que facer con eses plátanos que se puxeron un pouco feos? Non te preocupes, desde Amarelante traémosche unha solución deliciosa! Imos facer un biscoito de plátano e fariña de castañas que está para lamber os bigotes.

Ingredientes para elaborar un biscoito de plátano e fariña de castaña.

Necesitamos:

  • 3 ovos de galiñas felices.
  • 3 plátanos moi maduros.
  • 200 gramos de azucre.
  • 75 ml de aceite de oliva ou de xirasol.
  • 200 gr de nata de montar.
  • O zume de medio limón.
  • 300 gr de fariña de castaña Amarelante
  • 8 gr de lévedo.
  • 100 gr de conchos (que é como lle chamamos por aquí ás noces) un pouco picadas.
  • Unha cullerada pequena de canela.
Podes decorar o biscoito con noces ou un pouco de chocolate.

Estes son os pasos a seguir para este biscoito de plátano:

  1. Acende o forno a 180 graos para que vaia collendo a temperatura.
  2. Despois, mestura a nata e o zume de limón e gárdao para máis tarde. 
  3. Tritura os plátanos e resérvaos tamén.
  4. Mestura moi ben os ovos e o azucre. Se montas os ovos, o biscoito quedará moito máis esponxoso. 
  5. Engade o aceite e mestúrao ben. 
  6. A continuación, engade os plátanos triturados e, de novo, mestura todo moi ben.
  7. Incorpora pouco e pouco a fariña de castaña, o lévedo, a canela e a mestura da nata co zume de limón. Faino pouco a pouco. 
Aspecto final do biscoito de plátano.

Fornear durante unha hora o biscoito de plátano

Para finalizar o biscoito de plátano, incorporamos as noces. Podes reservar algunhas sen picar para poñer por riba.

Engrasamos un molde e vertemos a mestura. Podes decorar por encima con noces, plátano e/ ou pingas de chocolate.

Enforna e déixao arredor dunha hora a 180 graos con calor por arriba e por abaixo.

Cando estea listo, acórdate de deixalo arrefriar antes de quitalo do molde.

Que che parece? Atréveste a probar? Confirmamos que está boísimo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará