Un berro de auxilio dos pequenos produtores de castaña

Disque, contra o seculo I a.C., os romanos introduciron o cultivo da castaña no noso pais e durante séculos foi un elemento fundamental da nosa dieta, ate que no século XIX estendeuse o cultivo da pataca e do millo, produtos traídos 300 anos antes do continente americano.  E, aínda que actualmente esquecida na gastronomía do cotiá, son moitos e moitas as autoras que nos achegan as súas receitas: Emilia Parga Pondal, Manuel Puga y Parga, Alvaro Cunqueiro, Fina Casalderrei ou Flavio Morganti.

Xa sexa polo chan, pola chuvia, polo saber labrego… a calidade da castaña galega sempre foi recoñecida en todo o mundo. Numerosos son os escritos ó longo do tempo que nos falan dela, destacando polo curioso a novela “De París a Cádiz” de Alexandre Dumas.

A paisaxe galega non se entende sen os soutos, monocultivos de castiñeiros convertidos na maioría dos casos en bosques centenarios; representando un recurso turístico máis para moitas zonas como Ancares, Courel, O Macizo ou Ribeira Sacra. 

O coidado dos soutos é fundamental para evitar os incendios forestais.

Non nos atrevemos a cuantificar a importancia dos castiñeiros de Catasós en Lalín, os de maior porte de Europa; o castiñeiro de Pombariños en Manzaneda, que pasa dos 1000 anos… O castiñeiro de Baamonde, no que se encerrou para tallalo Victor Corral en 1971 e así non o cortaran coa ampliación das obras da N-VI.

Sen castañas, sen castiñeiros, sen soutos… que sería dos magostos, da tradición dos zonchos, do Pandigueiro, de moitas coplas, da toponimia… Pensade en alguén que teña de apelidos algo relacionado con souto, soutelo, sotelino, castiñeira, castaña, castaño…

Os soutos galegos están, na súa inmensa maioría, en mans de pequenas e pequenos propietarios. Son os que os coidan todo o ano: deboucando, limpando, regando, abonando, rozando…. Na medida dos coidados, estes representan un dos mellores e maiores freos contra o lume. Sen falar da nosa aportación particular en contra da mudanza climática.

A tinta, o chancro, a seca, a avespiña, os baixos prezos… a todo isto temos que engadir este ano as consecuencias da COVID-19 que fixo que se pecharan mercados e non se dea saída á castaña recollida

A produción galega de castañas representa o 40% da produción no estado español e o 10% da europea, e iso que están en estado de abandono a maior parte dos nosos soutos. Isto débese a tres factores que se retroalimentan entre eles: o abandono do rural, o envellecemento da poboación e os baixos prezos da castaña.

A tinta, o chancro, a seca, a avespiña, os baixos prezos… a todo isto temos que engadir este ano as consecuencias da COVID-19 que fixo que se pecharan mercados e non se dea saída á castaña recollida. Son moitos e moitas as produtoras que se están a replantexar abandonar os soutos que seguen en produción.

De nós depende non estragar non só un recurso ambiental, paisaxístico e cultural incalculábel, senón tamén un recurso económico que axudaría a combater a despoboación do rural e loitar contra do seu envellecemento. Por iso precisamos que as distintas administracións tomen conciencia deste problema e adopten urxentemente medidas para protexer o estamento máis importante deste sector en Galiza, os e as pequenas produtoras.

Dende Amarelante S. Coop. Galega propoñemos tres puntos de actuación:

  • Axudas económicas a aquelas e aqueles produtores que demostren perdida de ingresos neste sector nos últimos dous anos.
  •  Axudas e liñas de actuación para a recuperación de soutos.
  • Liñas de finanzamento adaptadas ós ciclos económicos do rural, para mecanización de tarefas nos soutos e para procesos de transformación.
  • Campaña de promoción do produto.

2 Respostas

  1. En relación aos baixos prezos, creo que o futuro pasa polo que estades facendo:
    Cooperativa e sobre todo intentar sacar produtos de consumo masivo durante todo ano.
    Parabéns e saúdos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *