A tradición do Samaín en Galiza   

Achégase unha das noites máis tenebrosas e máxicas do ano: o 31 de outubro, o Samaín. Desde Amarelante contámosvos un pouco desta tradición que nos últimos anos se está a recuperar. Sabías que na época dos celtas marcaba o final da colleita e o comezo dun novo ano?

Nos últimos anos, o costume estadounidense do Halloween estase estendendo a toda velocidade polo noso país e, en contrapartida, estamos asistindo a un renacer das tradicións asociadas a esta data en Galiza, cun esforzo por recuperar incluso algunhas actividades esquecidas durante decenios.

Para empezar, o nome da festividade en galego é Samaín, que vén directamente do celta, de onde tamén proceden a maioría das tradicións. 

Hai milenios, cando os celtas poboaban a nosa terra, o Samaín marcaba o final da colleita e, ao mesmo tempo, o comezo do novo ano. Era unha noite máxica, chea de ritos  e supersticións. Críase que os defuntos podían visitar o mundo dos vivos e era habitual deixarlles ofrendas en forma de comida e acender o lume para que se quentasen. 

Os celtas crían que no Samaín os defuntos podían visitar o mundo dos vivos.

Por outro lado, tamén era unha noite na que abundaban todo tipo de criaturas, algunhas non moi agradables de recibir (como os trasgos), polo que para intentar confundilas e evitar a súa visita, deixábanse nabos tallados cunha brasa dentro a modo de farol.

Moito máis tarde, cando os europeos trouxeron as cabazas de América, empezaron a empregarse estas en lugar dos nabos.

Coa chegada do cristianismo, os ritos pagáns foron confundíndose cos impostos pola Igrexa, que nunca conseguiu eliminar completamente as tradicións desta festividade. 

Samaín e magosto

O magosto é unha data intimamente ligada ao Samaín. Pensade no que fan os nenos: tiznan a cara co carbón e xogan ás agachadas. Non será isto unha forma de burlar os trasnos? Nalgunhas partes de Galiza existe o costume dos “zonchos”, colares feitos con castañas para a celebración dos Defuntos. En todo caso, no Samaín non deben faltar unhas boas castañas como as de Amarelante.

No Samaín tampouco deben faltar unhas castañas asadas.

En Manzaneda, na parroquia de San Martiño, a noite do 31 de outubro celébrase a “Castronada”. Ata hai ben poucos anos coñecíase tamén como a noite dos carros, xa que despois de reunirse para cear un cordeiro ou un cabrito, os mozos sacaban os carros dos veciños á rúa para facelos soar ou para cambialos de sitio. Tamén levaban a cabo outro tipo de trasnadas, sempre co visto e prace da veciñanza. Non vos acorda isto en certo modo ao “truco ou trato” ianqui?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *