Soutos do rabirrubio, a loita biolóxica contra especies invasoras que afectan aos castiñeiros

Soutos do rabirrubio é unha iniciativa ambiental promovida pola empresa EREBIA na que colabora Amarelante (ademais do Hostal La Viuda e 3edata). O seu principal obxectivo é a loita biolóxica contra especies invasoras que afectan aos castiñeiros (coma a avespiña) favorecendo o hábitat de aves insectívoras que, á súa vez, son un eslabón clave contra as pragas que danan aos castiñeiros. Entre estas aves está o rabirrubio real. No noso blogue contámosvos os detalles da iniciativa.

O proxecto Soutos do rabirrubio lévase a cabo no Macizo Central ourensán. Comezou no ano 2022 e continúa no 2023. A iniciativa de EREBIA, unha pequena empresa especializada en ecoturismo e consultoría medioambiental ten como obxectivo «o aumento da resilencia dos castiñeiros produtores de castaña de alta importancia socieconómica e a loita biolóxica contra novas especies invasoras, coma o himenóptero de orixe asiática dryocosmus kuriphilus, chamado popularmente avespiña do castiñeiro nun contexto de cambio climático que acelera e agrava os procesos destas colonizacións de EEI (especies exóticas invasoras)».

En concreto, para a loita biolóxica optouse por favorecer o hábitat das aves insectívoras que habitan nos castiñeiros, principalmente o rabirrubio (colirrojo real en castelán). Esta ave está catalogada como “vulnerable” (Decreto 167/2011, de 4 de agosto polo que se modifica o Decreto 88/2007, de 19 de abril, polo que se regula o catálogo galego de especies ameazadas). O proxecto contempla o estudio desta especie migratoria de longa distancia, a través da súa marcaxe e seguimento.

Nunha primeira fase seleccionáronse os castiñerios na comarca da Terra de Trives, contactando con propietarios e empresas locais dedicadas ás comercialización da castaña e produtos derivados, como é o caso de Amarelante, e solicitando permiso para a colocación de 25 caixas niño específicas para o rabirrubio. A colocación fixose a mediados de abril, antes da chegada dos rabirrubios ás zonas de cría.

Marcaxe e xeolocalizadores

Coa instalación das caixas niños preténdese favorecer o crecemento da poboación desta especie en perigo. Realizouse un monitoreo nos meses de maio, xuño e xullo para comprobar o éxito de ocupación e avaliar as poboacións obxecto de estudio. Para elo empregouse unha marcaxe con aneis de cores e xeolocalizadores, os cales permiten estudar a tasa de retorno, o comportamento, a supervivencia, lonxevidade, avistamentos noutras áreas xeográficas… Os códigos empregados foron facilitados pola Estación Biolóxica de Doñana dentro dun dos seus proxectos con esta mesma especie. Ademais, estase a realizar un inventario da comunidade de aves insectívoras.

De momento, o proxecto segue en marcha. Os resultados do 2022 (a mes de xuño) mostraron estimacións provisionais de densidade altas no contexto ibérico, con 2,6 machos/10 ha e un IKA de 3 machos/km. Nesa data, había 17 machos territorais localizados. Agardamos polos seguintes. 😁

(Artigo elaborado con información facilitada por EREBIA).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *