Curri de verduras e castañas

Hoxe no bloge de Amarelante traémosvos un prato san, versátil e moi saboroso que vos axudará a deixar atrás o cocido, as orellas e as filloas sen un ápice de pena. Ademais é un prato vegano, apto para todos os públicos. Podedes servilo acompañado de arroz branco ou cuscús ou como guarnición dunha carne ou peixe. Anotade os ingredientes, visitade a vosa froitería de cabeceira e a gozar deste curri de verduras e castañas!

Ingredientes:

  • 1 cebola pequena.
  • 1 porro.
  • 6-8 champiñóns  naturais (neste caso, nós empregamos da variedade portobello, pero poden ser da variedade que máis vos guste). 
  • 2 cenorias.
  • 10-15 espárragos.
  • 1 ramo de brócoli.
  • 1 lata de leite de coco.
  • 150 g de castañas Amarelante.
  • Especias: curri, pementón doce, pementa, comino, canela, xenxibre.

Por suposto, poderedes variar tanto as especias como a cantidade dependendo dos vosos gustos. Nós puxemos unha cullerada de sobremesa de cada unha. Canto ao xenxibre, podedes optar por empregar o produto fresco, cortado moi finiño, para un extra de sabor (e de picante!).

Imos alo!

Elaboración

En primeiro lugar, cocemos o brócoli e as castañas e reservamos. Se non vos gusta que queden moi desfeitos, recomendamos que esta primeira cocción sexa breve, xa que despois mesturarémolos co resto de ingredientes. 

Por outro lado, picamos o resto de verduras e pochámolas cun pouco de sal. Engadimos o leite de coco, as castañas, o brócoli e as especias e deixámolo a lume baixo outros 10 minutos máis ou menos. 

E xa estaría listo. Así de sinxelo!

O resultado deste prato é este. A que apetece?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *