Mareliñas: galletas con fariña de castaña

Hai uns anos, liámonos a manta á cabeza e decidimos agasallar os nosos clientes cunhas galletas artesanais feitas por nós. Chamámoslles Mareliñas. Lémbraste? Preparámolas nunhas caixiñas que incluían tamén a receita.

Pensamos que unha boa forma de comezar este 2022 é deixarche a receita tamén por aquí, no noso blogue. Quen sabe, quizais che apeteza preparalas para agasallar as Súas Maxestades de Oriente na noite máxica. Ou simplemente degustalas acompañando un café en boa compaña.

Sexa como for, colle papel e lapis porque aquí vai unha receita sinxela e resultona de galletas con fariña de castaña Amarelante.

Ingredientes:

  • 200 gr de fariña de castaña Amarelante.
  • 100 gr de fécula de millo (maicena).
  • 150 gr de manteiga derretida.
  • Un ovo e a xema doutro.
  • 100 gr de azucre.
  • 50 gr de azucre glas.

Preparación:

Nunha cunca, mesturamos ben os ingredientes secos: a fariña de castaña, a fécula de millo e o azucre. A continuación, engadimos os ingredientes líquidos: a manteiga derretida e o ovo. Mesturamos todo moi ben ata conseguir unha masa homoxénea e deixámola repousar durante unha hora máis ou menos nun lugar cálido.

Transcorrido este tempo, preparamos unha superficie de traballo esparexendo un pouco de fariña para que non se pegue a masa e estirámola cun rodete ata que teña un grosor aproximado dun ou dous centímetros. Despois cortamos as galletas empregando unha forma, un vaso ou simplemente un coitelo.

Colocamos as galletas nunha bandexa con papel vexetal, rociámolas co azucre glas e enfornámolas a 200º durante uns 15-20 minutos, ata que vexamos que están ben doradiñas.

Cando estean listas, quitamos a bandexa do forno e deixamos arrefriar uns minutos.

E finalmente… a meterlle o dente!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará