Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

Castañas estofadas con shiitake Trives

Desde Amarelante presentámosvos unha receita sinxela, que serve como guarnición de case calquera prato e que, ademais, é simplemente un punto de partida sobre o que podedes facer tantas modificacións como se vos ocorran. Preparámola con ingredientes da nosa comarca pero que podedes atopar tamén en calquera tenda ou supermercado. 

Lembrade que podedes consultar o noso post sobre as propiedades nutricionais das castañas e tamén o post onde vos contamos algúns dos moitos beneficios que teñen sobre a nosa saúde. Comezamos!

Ingredientes:

  • 250 gr de castañas secas Amarelante
  • 200 gr de shiitake Trives
  • 200 gr de bacon
  • Cebola picada ao gusto
  • Auga, caldo ou viño branco
  • Aceite de oliva

Elaboración

Para realizar estas castaña estofadas comezamos por picar a cebola finiña e sofritímola a lume baixo co bacon durante uns 5 minutos. Ademais de cebola, podemos engadir calquera verdura que nos guste: pemento, cenoria… Tamén temos a opción de non poñer o bacon, co que o noso prato tería un menor aporte calórico e iría estupendamente como acompañamento dun prato de peixe. 

A continuación, engadimos as castañas e cubrímolas con auga, caldo ou viño branco. Debemos ter en conta que tanto as castañas como o shiitake absorben moito o sabor dos alimentos cos que se cociñan, así que outra opción pode ser mesturar o viño ou caldo con auga para que o sabor non sexa tan forte. Deixamos que ferva e baixamos o lume. Teremos que ir comprobando o punto de cocción das castañas por se fose preciso engadir máis líquido. 

Canto ás castañas, podemos poñelas a remollo unhas horas antes de cociñalas, co cal o tempo de cocción será menor. Porén, non é necesario e podemos botalas directamente na pota.

Cando as castañas estean practicamente feitas, engadimos o shiitake e deixamos outros 5 minutos aproximadamente. Se deixamos repousar, o sabor aínda será mellor. 

Como diciamos ao principio, esta receita casa practicamente con calquera prato pero se nos permitides unha recomendación, probádeo cuns ovos fritidos (a poder ser de pitas rurais criadas en liberdade). Espectacular!

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

Unha resposta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *