Avances no proxecto para elaborar bebida vexetal de castaña e outros produtos

O proxecto piloto para desenvolver novos produtos derivados da castaña segue avanzando. Amarelante, en colaboración co Centro Tecnolóxico da Carne e a Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago, lidera unha proposta para elaborar un almorzo e un petisco galego, saudable e sen azucre engadido. En concreto, estes produtos serían:

  • Copos de fariña seca.
  • Bebida vexetal de castaña (“leite”).
  • Petisco de castaña asada listo para comer.

A iniciativa “Desenvolvemento de novos produtos da dieta atlántica derivados da castaña” conta cun orzamento de 89.000,00 euros, subvencionado ao 80% e financiado un 75% con fondos FEADER da Unión Europea, 22,5 % fondos propios da Xunta de Galicia e 2,5 % de fondos do MAPA. O período de execución prolongarase ata xuño de 2022.

leite-castañas

Amarelante coordinará o proxecto e encárgase das actividades de limpeza e recuperación dos soutos, recollida das castañas e elaboración de fariña con castaña seca. O CETECA implicará os seus recursos propios para o estudo da calidade dos produtos elaborados con fariña e castaña fresca, mentres que a APLTA encargarase da receita da bebida vexetal, os tratamentos térmicos de fabricación, así como estudar a evolución dos produtos ao longo da súa vida útil. Na iniciativa tamén participa o agricultor de Manzaneda Secundino Domínguez, que colaborará na selección de variedades, entre outras tarefas.

Este proxecto conta co apoio da Xunta de Galicia e do FEADER (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural) mediante o programa de axudas para proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal. Con el búscase revalorizar a castaña apostando pola transformación e, polo tanto, eliminando a estacionalidade.

4 respostas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *