Amarelante coordinará un proxecto piloto para o desenvolvemento de novos produtos derivados da castaña

O pasado mes de marzo Amaralente Sociedade Cooperativa Galega presentou unha proposta de proxecto para desenvolvemento de novos produtos da dieta atlántica derivados da castaña de variedades autóctonas no marco da convocatoria de axudas a proxectos piloto da Consellería do Medio Rural. 

O obxecto principal da proposta é o deseño e a elaboración de novos produtos que constitúan un almorzo e un petisco saudable, galego e sen azucre engadido. Estes alimentos serían:

  • Petisco de castaña asada listo para comer: levarase a cabo o asado e marcado das castañas.
  • Copos de fariña seca: como continuación dun proxecto de investigación anterior no que se desenvolveron con éxito uns copos con castaña fresca, preténdese continuar coa mellora do produto. Os copos elaboraranse a partir de fariña de castaña seca ou a castaña de destrío (picón). A materia prima será hidratada para a formación do copo.  
  • Leite” vexetal de castaña: con castaña seca e/ou fariña de castaña que será hidratada para extraerlle o zume.  

Todos estes produtos teñen o valor engadido de ser aptos para persoas intolerantes ao glute. 

A iniciativa busca a elaboración de copos de fariña e “leite” e petiscos de castaña

Para a realización deste proxecto necesitaranse tres anos e contarase coa colaboración de dúas entidades de investigación que participarán no desenvolvemento dos novos produtos e do propio seguimento analítico.

  1. Centro Tecnolóxico da Carne: con ampla experiencia en proxectos de I+D+I e elaboración de novos produtos. Implicará ao seu departamento agronómico e os laboratorios de análise para o desenvolvemento das castañas asadas precociñadas e dos copos de fariña. Ademais, procederá á análise nutricional e sensorial dos novos produtos.
  2. Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela: encargarase da elaboración da bebida vexetal de castaña e as súas correspondentes análises.

A cooperativa Amarelante, entidade fundada en 2013 no concello de Manzaneda co obxecto de recuperar os soutos abandonados para a produción de castaña e derivados, será a responsable da coordinación do proxecto e de realizar as tarefas relacionadas coa recollida e selección do froito para a súa transformación. 

O desenvolvemento deste proxecto pretende contribuír á revalorización da castaña a través da elaboración de novos produtos transformados de maior valor engadido que incentive a promoción de novas industrias artesanais ligadas ao territorio.

O proxecto está cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *