Sete curiosidades sobre o magosto

Se hai unha festa que nos gusta en Amarelante é o magosto. Lóxico, non? O magosto é sinónimo de castañas pero tamén de amigos, familia, festa, viño novo e desfrute arredor do lume. Imos cunhas curiosidades e datos imprescindibles do magosto. Toma nota!

Cando se celebra?

Dende finais de outubro, coincidindo co inicio do castañal e a celebración do Samaín, ata mediados de novembro. Normalmente a data final era o 11 de novembro, día de San Martiño, aínda que cada vez é máis habitual que a celebración se prolongue durante todo o mes.

Onde se celebra?

Os máis puristas dirán que no monte e, de feito, en Ourense cidade é tradición celebrar o magosto de San Martiño en Montealegre. Tamén son habituais as celebracións en asociacións de veciños, culturais, deportivas, casas de amigos…

Ademais de castañas asadas no magosto próbase o viño novo e ásanse chourizos.

Cal é a orixe desta festa?

Moitos etnógrafos asocian esta festa a un acto comunitario para reforzar vínculos e unha forma de agradecemento pola colleita. O lume representaría ao deus Sol e faría de elemento purificador. Historiadores coma Manuel Murguía considerábao unha especie de banquete funerario no que a castaña e o viño simbolizaban a morte do ciclo solar e a vida. Ademais, antigamente críase que cada castaña comida era unha alma liberada do purgatorio. Por iso, coma as almas acudían á festa deixábase o lume aceso para que a “parroquia dos mortos” puidesen quentarse.

Como se asan as castañas?

O máis importanté é facerlles un pequeno buratiño porque, en caso contrario, estouparán cando estean ao lume (si, para asar castañas o ideal é facer antes unhas brasas con leña).

Pódense asar nunha pota ou tixola ás que lle haberá que facer uns buratiños por debaixo. Actualmente no mercado hai á venda uns tambores metálicos especiais para asalas. Por certo, nalgunhas zonas de Galicia, como en Manzaneda, ao recipiente onde se asan as castañas chámaselle cacho. Noutras denomínase cachela.

Para asar as castañas hai que facerlles antes uns buratiños para que non estoupen.

Que se come nun magosto?

Ademais das castañas asadas nos magostos próbase o viño novo e é habitual comer chourizos asados (bolos preñados) aproveitando o lume.

Que costumes se asocian a esta festa?

Para os principiantes magosteiro recomendamos unha regra básica: ir con roupa vella. Acabarás ulindo a fume e coa cara tiznada, unha das costumes desta festa. Nalgunhas zonas de Galicia fanse os zonchos, uns colares con castañas cocidas.

Que non pode faltar nun magosto?

Ademais de comer e beber outro elemento dun magosto, coma calquera festa, é a música. Moito mellor se é en directo. Por iso nela non faltan as gaitas e pandeiretas para acompañar cancións tradicionais. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *