Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

Entroido de Manzaneda

O Entroido de Manzaneda ten as súas singularidades, figuras e ciclos. Os bombos, as mázcaras e as aixadas son algúns dos elementos dunha festa onde os verdadeiros protagonistas son cada unha das persoas que participan nela. Desde Amarelante contámosvos un pouco dunha tradición única.

En Manzaneda, ao igual que sucede noutros concellos da provincia de Ourense, a celebración do Entroido non se limita á fin de semana marcada no calendario como tal. Normalmente a festa comeza xa un mes antes coas rondas dos fulións polas diferentes aldeas. Ata a década dos anos 60 (máis ou menos) o Entroido comezaba o 15 de xaneiro, día de San Amaro. 

Actualmente, o ciclo entroideiro é este:

  • Un mes antes: saída dos fulións polos pobos.
  • Semana antes de Entroido: xoves de compadres ou lardeiros.
  • Semana do Entroido: xoves de comadres ou lardeiras.
  • Sábado de Entroido: fariña en San Martiño, visita do fulión de Bidueira a Requeixo e visita do fulión de Raigada a Vilarmeao.
  • Domingo de Entroido: denomínase “Domingo gordo” e inclúe a fuliada de San Martiño.
  • Martes de Entroido: desfiles conxunto dos fulións. Normalmente organízase unha comida popular no polideportivo.

O personaxe principal do Entroido de Manzaneda é a mazcara unha figura que, contrariamente ao que poida parecer polo seu nome, leva o rostro descuberto. O máis vistoso da súa indumentaria e o pucho, un gorro de grandes dimensións cunha armazón de arames recuberto de cintas de cores (tradicionalmente eran de tea). O traxe é branco e inclúe camisa, calzón, mantilla e polainas adornadas con cintas de cores. Compleméntase cunhas botas negras altas, caxato e un cinto con chocas que se fan soar ao bailar. 

Os fulións son outro dos elementos singulares deste Entroido. Fórmanos veciños e veciñas dos diferentes pobos e de forma espontánea. Neles destacan os bombos (que marcan o ritmo), acompañados de aparellos de labranza –como as aixadas– e cornas. O son dos fulións é realmente único; unha tradición que se complementa cos xiros e bailes das mázcaras creando un espectáculo difícil de describir e que desde Amarelante vos convidamos a que presenciedes en directo. O habitual é que o fulión saia a media tarde (non hai hora predeterminada), indo de casa en casa e sendo recibido polos veciños con chourizos, viño, doces, etc.

Compre dicir que non é mesmo fulión que fuliada. O fulión estaría formado polas persoas que se encargan da música (é dicir, os bombos, percusión, aixadas e cornas) máis as mázcaras, mentres que a fuliada sería o conxunto de todo (nalgunhas aldeas consérvase a figura do director, a mula e o boi).

Por último, outras das peculiaridades desta festa son “os versos”, unha especie de coplas que ridiculizan aos veciños ou sucesos que aconteceran no concello no último ano.

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *