Croquetas de polo ao curri con fariña de castaña

Hoxe traémosvos cociña de aproveitamento: imos empregar o que nos sobrou dun polo asado para facer unhas saborosas croquetas. Neste caso, primeiro asamos un polo enteiro en salsa de cítricos (laranxa e limón). Gardamos tamén a salsa sobrante, que nos servirá para a elaboración da crema das croquetas. 

Se vós queredes facer a receita partindo de cero, en lugar da salsa teredes que empregar caldo ou leite, ao voso gusto. Tamén deberedes asar ou pasar pola plancha as peitugas previamente.

Aviso: esta receita é apta para padais afeccionados aos contrastes e ao picante. Se non é o teu caso, podes simplemente eliminar o curri e o xenxibre da receita e botarlle só as especias que a ti che gusten máis. Imos!

Ingredientes:

  • 2 peitugas de polo asadas
  • 40 gramos de fariña de castaña Amarelante
  • Fariña de trigo
  • 50 gramos de manteiga
  • Caldo de polo e/ou leite (nós aproveitamos a salsa de asar as peitugas, que foi con cebola e cítricos)
  • Especias ao gusto: sal, pementa, noz moscada e un pouco de curri.
  • Fariña, ovo e pan relado para rebozar
  • Aceite para fritir

Elaboración das croquetas

Unha vez temos o polo feito, deixamos arrefriar e esmiuzámolo. Isto vai ao gusto de cada un/ha. Dependendo de se vos gusta atopar trociños de polo nas croquetas, podedes picalo máis fino ou máis groso.

croquetas-polo-fariña-castaña
Croquetas de polo, curri e fariña de castaña.

Para preparar a bechamel podemos empregar a manteiga ou ghee. Nós fixémola con manteiga: derretémola e engadímoslle fariña pouco e pouco. Debemos asegurarnos de que a fariña está ben desfeita e de que non hai grumos. Tamén é importante facelo a lume baixo para que non se queime. Despois, iremos engadindo a salsa —se a temos— ou o caldo ou leite sen deixar de remexer moi rápido para que non queden grumos nin se pegue.  A nosa recomendación é que mezcles fariña de castaña coa de trigo para que as croquetas non queden excesivamente doces… pero iso vai por gustos. Durante este proceso debemos ir engadindo as especias ao noso gusto e probando. Aquí deixámosche unha recomendación que nos fixo o noso amigo Vicocinillas: se empregamos curri, debemos agregar tamén un toque de xenxibre (el nos di que lle bota tanto natural como en pó) e empregar o ghee para facer a bechamel.  

Cando a bechamel estea ben espesa engadimos o polo e mesturamos ben. Deixamos arrefriar. O ideal sería deixar a masa na nevera dun día para outro para que nos sexa fácil traballala.

Xa só quedaría formar as croquetas e fritilas. A desfrutar!

Para saber máis: visita o perfil de @vicocinillas en Instagram. Ademais de ser un experto en croquetas, fai outros moitos pratos deliciosos e ensínache sitios para comer moi ben tanto pola zona de Castellón como en Galiza. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *