O castiñeiro de Pumbariños, no souto de Rozavales (San Martiño, Manzaneda) é o castiñeiro de maior circunferencia de Galicia, con 13,85 metros. Trátase dunha árbore única, cuxa idade supera os mil anos. Coñecédelo? Descubre da man de Amarelante todos os detalles para visitar o castiñeiro de Pumbariños. Debe ser un imprescindible cando vaias a Manzaneda.
Como chegar?
As coordenadas do souto de Rozavales son: GPS: 42.3068048,-7.2470898,15.17
Dicirvos que se ides dende Trives mellor collede a estrada OU-0702 (e non pola OU-636), xa que vos levará directamente ata o lugar. Un cartel informativo indícavos onde é o enclave; aparcade un pouco antes ao lado da estrada porque non hai habilitado aparcamento. Para chegar ata o castiñeiro só hai que camiñar uns 200 metros por unha senda de fácil acceso.
Características do castiñeiro de Pumbariños
O castiñeiro de Pumbariños está incluido no catálogo de árbores senlleiras do Decreto 67/2007, de 22 de marzo. É o castiñeiro de maior circunferencia de Galicia, con case 14 metros. A súa altura é duns 16 metros. Pola súa banda, o souto de Rozavales, onde se atopa este exemplar, está catalogado como Monumento Natural de Galicia dende o ano 2000.
Consellos para visitar o souto de Rozavales
O souto de Rozavales é un espazo que se pode visitar durante todo o ano; se vos gustan os ocres e a luz tan característica do outono, podedes facelo en outubro ou principios de novembro; se buscades ver a súa follaxe en explendor, mellor ide en abril ou maio. Animámosvos a facelo sen présas e comer ou merendar nalgunha das mesas de madeira instaladas na zona.
O castiñeiro de Pumbariños está rodeado dunha valla de madera, un indicativo claro de que non se debe subir á arbore. Respeta esa norma básica! O noso consello: porse diante del e imaxinar durante uns minutos toda a vida que viviu. De nós depende que siga sumando anos.