Biscoito de castañas

Desde Amarelante propoñémosvos unha sobremesa fácil de preparar, saborosa e resultona: un biscoito de castañas. Moitas veces preguntádesnos como podedes cociñar coa fariña de castaña e tedes en mente cousas demasiado elaboradas ou difíciles. Nada máis lonxe da realidade! Para poder desfrutar dos beneficios das castañas podedes optar por receitas sinxelas. Coma mostra, este biscoito que leva ingredientes que podemos atopar en calquera tenda e dos que usamos habitualmente nunha casa. Tomade nota e comezamos coa faena.

Ingredientes:

  • 3 ovos de pitas libres e felices
  • 150 g de azucre (ou panela)
  • 200 g de fariña de castaña
  • 50 g de fariña de millo
  • 50 ml de leite
  • 1 sobre de lévedo en po

Elaboración do biscoito de castaña

Antes de nada, prequentamos o forno a 180 graos para telo listo á hora de meter o noso biscoito. 

Comezamos batendo os ovos. O ideal é facelo nun procesador para que queden moi batidos. Para un extra de esponxosidade, podedes montar primeiro as claras a punto de neve e despois ir engadindo as xemas, pero non é necesario. Cando os ovos estean ben batidos, sen deixar de bater, engadimos o azucre pouco e pouco e despois o leite. 

A continuación chega o momento de engadir as fariñas e o lévedo. Neste punto nós preferimos deixar a un lado o procesador e facémolo a man. Engadimos as fariñas pouco e pouco, sen deixar de remexer, ata conseguir unha pasta espesa e homoxénea. 

bizcocho-castañas
bizocho-castañas
bizocho-castañas

Xa só nos queda engrasar un molde (o que usamos neste caso é un de 25×11) e metelo no forno durante uns 40 minutos. Tede en conta que dependendo das medidas do molde tamén pode variar o tempo de enfornado. 

Cando estea listo, sacámolo, deixámolo enfriar e a desfrutar!

receta-bizcocho-castana

Como ves, preparar un biscoito de castaña é así de sinxelo. Anímaste a facelo? Lembra que podes desfrutar das castañas secas e fariña de castaña de Amarelante todo o ano e realizar o teu pedido a través da web. Se aínda che quedan máis ganas de doce animámoste a que probes a nosa bica de castaña.

2 respostas

  1. Hola,
    Grazas a vos poiden disfrutar dunha increible bika e unhas castañas boisimas……. Vivo en Zaragoza dende hay 15 anos.,e desde logo algo de voto moito de menos son os magostos e as castañas galegas.
    O sabor dende logo, non ten nada que ver cas castañas de Cáceres, que son as que venden por aqui.
    Recomendarei estes productos e os meus mellores desexos para este proxecto.
    Moitas grazas e saúdos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *